|
Article on other languages:
|
A música (do grego: μουσική [τέχνη] - mousikē [téchnē], "a arte das musas") é, segundo a definición tradicional do termo, a forma de arte consistente en combinar lóxica e sensibelmente os sons e silencios coa finalidade de crear unha determinada sensación ou emoción no oínte. De todos xeitos, desde hai varias décadas a definición do concepto de "música" volveuse máis complexa, debido a que destacados compositores realizaron experiencias que, se ben son musicais, traspasan os límites da definición desta arte. A creación, a execución, a importancia e incluso a definición da música varían de acordo coa cultura e o contexto social. A música abarca desde composicións estritamente organizadas, ata a música baseada na improvisación. A música pode dividirse en xéneros e subxéneros, a pesar de que as liñas divisorias e as relacións entre os xéneros son a miúdo moi sutís, ás veces abertas á interpretación individual, e en ocasións polémicas. A música, como toda manifestación artística, é un produto cultural. Porén, pode utilizarse con intención artística ou mesmo estética, para fins comunicativas, para entretemento, ou con propósitos cerimoniais ou relixiosos, ademais de ser utilizada por moitos compositores exclusivamente como instrumento para o estudo académico.
Definición de música
Atendendo ás profundas raíces da súa historia, a música enténdese coma unha práctica cultural que pode posuír ou non unha dimensión artística, pero que consiste nunha combinación deliberada de sons e silencios. De todos xeitos, as definicións parten do seo dunha cultura, polo que o sentido das expresións musicais vese afectado por cuestións múltiples (psicolóxicas, sociais, culturais e históricas). Deste xeito, xurden moitas e moi diversas definicións que poden ser válidas no momento e contexto de expresar o que se entende por música. A definición máis amplamente aceptada refírese a concibir a música como sonoridade organizada (segundo unha formulación perceptíbel, coherente e significativa). Esta definición parte de que, naquilo ao que en consenso se pode denominar "música", pódense percibir certos patróns do fluxo sonoro en función de como as propiedades do son son aprendidas e procesadas polos seres humanos e demais animais (aves e insectos tamén producen e comprenden a súa "música"). Tradicionalmente existiu unha división entre son e ruído, considerándose sons aqueles estímulos percibidos de altura definida (unha frecuencia, calquera que esta fose) e ruído ou de altura indefinida, pertencendo só o son ao dominio da música. Isto cambiou coa música concreta e hoxe considérase que todo o que se ouve pode ser música. Poderíase dicir que a música é a arte de ordenar os sons no tempo. Historia da música
Elementos e características da músicaA música está composta de dous elementos básicos: sons e silencios. Características do son
O son é a sensación percibida polo oído, que recibe as variacións de presión xeradas polo movemento vibratorio dos corpos sonoros, e que se transmite xeralmente polo medio que os separa a ambos (oído e corpo sonoro), que normalmente é o ar. A ausencia perceptíbel de son é o silencio. Éste é relativo, xa que o silencio absoluto non se dá na natureza ao haber atmosfera. O son conta con catro parámetros fundamentais: a altura, a duración, a intensidade e mailo timbre.
Calidades da músicaA organización coherente dos sons e silencios (segundo unha forma de percepción) danos os principios fundamentais da música, que son a melodía, a harmonía e mailo ritmo. A maneira en que se definen e aplican estes principios varía segundo a cultura, e o momento histórico.
Teoría musical
Os primeiros intentos de formalizar unha teoría musical remóntanse a máis de 2.000 anos antes da nosa era. Ling-Lun Knei sistematizou en China unha escala pentáfona que tiña como alicerce as relacións 2/1 e 3/2, ou sexa, os intervalos de oitava e quinta. A maioría dos sistemas musicais coñecidos son semellantes a este. Os gregos desenvolveron o sistema progresivo de quintas e, ao lle engadiren cordas á lira, estableceron un sistema de sete notas. Este sistema mantívose no mundo occidental e perdurou até os nosos días, converténdose no alicerce fundamental das estruturas musicais propias da nosa cultura. De entre as aportacións máis relevantes que a melloraron destacan as dos teóricos Holder, Zarlino ou Dlezeunue e, fundamentalmente, a consolidación da escala temperada (gama que unifica o bemol e o sostido e crea unha escala de doce notas a intervalos iguais). Música e culturaTodas as culturas teñen manifestacións musicais. Incluso demostrouse que as baleas comunícanse grazas a unha linguaxe sonora que poderiamos chamar musical ao igual que a maioría das aves, o que suxire unha posible orixe filoxenética común. A música está ligada a un grupo social e aos seus acontecementos, e é expresión destes últimos. Estes acontecementos non son universais, e polo tanto non podemos afirmar que a música sexa universal, polo menos no que ao seu contido, significado e interpretación se refire. Por exemplo, é probábel que as obras de Mozart carezan de sentido musical para un indíxena, quen entende a música a partiren de estructuras psíquicas diferentes ás do mundo occidental. O compositor (creador de música) delega no intérprete (emisor) a execución das súas obras que en ocasións, transmiten na música determinados feitos e sentimentos a través dunha secuencia de sons. Tamén existes culturas musicais que non teñen en conta a separación occidental entre creador e intérprete, xa que a música é principalmente improvisada. NotasVéxase taménBibliografía
|
This article is from Wikipedia. All text is available under the terms of the GNU Free Documentation License.