|
Article on other languages:
|
A lingua ou dialecto cantonés ou yuè (chinés simplificado: 粵语, chinés tradicional: 粤語, Pinyin: yuèyǔ, Jyutping:Jyut6jyu5) é un dos principais dialectos do chinés. O nome yuè corresponde ao nome de un reino antigo situado na actual provincia de Guangdong. Por iso, o carácter 粵 utilízase hoxe en día como abreviatura do nome desta provincia. Aínda que os chineses prefiren falar de dialectos (方言, fāngyán) ao referirse ás variedades do chinés falado, a intelixibilidade mutua entre estes é practicamente nula polo que moitos lingüistas consideran o chinés unha familia de linguas, e non unha lingua única. O cantonés é o terceiro dialecto (dialecto neste sentido amplo) máis falado do chinés despois do mandarín e da wu. Ten ao redor de 70 millóns de falantes, principalmente na provincia de Guangdong e nas rexións administrativas especiais de Hong Kong e Macau. As primeiras comunidades chinesas que se estabeleceron en países como Perú, Estados Unidos, Australia ou o Reino Unido procedían desta zona do sur de China. Isto fixo que o cantonés fóra durante moito tempo o idioma principal nos chinatowns das grandes cidades destes países. O cantonés é un dialecto chinés bastante conservador, máis próximo ás formas antigas da lingua do que outros dialectos. Isto reflíctese, por exemplo, no feito curioso de que a poesía antiga chinesa, cuxa pronunciación orixinal descoñecemos, rima mellor lida en cantonés do que en mandarín. Dos diferentes dialectos chineses, o cantonés é o único, á parte, claro está, do mandarín, que ten unha forma escrita. Esta utiliza algúns caracteres chineses que non existen en mandarín, e reutiliza outros con significados diferentes. O cantonés escrito utilízase, no entanto, só en situacións informais, como cartas entre amigos, foros de Internet ou nalgunhas formas de literatura popular. En situacións formais o chinés escrito segue as normas do mandarín estándar. En Hong Kong e Macau o cantonés falado utilízase tamén en situacións formais como discursos políticos, e en emisoras de radio e televisión. Nestes casos, a lingua utilizada non é auténtico cantonés, senón mandarín cunha lectura cantonesa dos caracteres. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
This article is from Wikipedia. All text is available under the terms of the GNU Free Documentation License.