Traballo en progreso: Este artigo de Botánica é, polo de agora, só un bosquexo e cumpriría amplialo até convertilo nun verdadeiramente enciclopédico. Traballa nel, ou noutros artigos de Botánica, e contribúe a que a Galipedia mellore e medre.
Froitos (cinorrodones) dunha roseira
En botánica, o froito é o ovario fecundado e maduro que contén as sementes dunha planta con flores. Característico pois das plantas anxiospermas, nace da flor fecundada e trala transformación do pistilo. A parede do ovario forma logo o pericarpo do froito e o óvulo da lugar á semente. En moitas especies, o froito inclúe tanto o ovario fecundado como os tecidos que o rodean. A forma, consistencia, tamaño e aspecto en xeral na que se presentan os froitos é moi diferente segundo a especie da que proveña.
Non hai unha única terminoloxía que se adapte exactamente á enorme variedade dos froitos das plantas. A terminoloxía gastronómica para os froitos e a froita é inexacta, variando moito dunha lingua a outra, e non sendo totalmente equivalentes en cada caso, o que ofrece difícil solución. Porén, convén facer algunhas distincións:
Existe o termo pseudocarpo (froito falso), ou falsa froita, que se aplica ás veces a froitos como o figo (que é un froito múltiple e falso a un tempo) ou a unha estrutura vexetal que asemella a unha froita, pero que non provén dunha única flor ou varias flores.
Certas ximnospermas, como o teixo, teñen arilos carnosos que parecen froitos e algúns tipos de cimbros teñen conos carnosos e semellantes ás bagas.
O termo "froito" tamén ten sido usado inapropiadamente para nomear os conos femininos que conteñen as sementes de moitas coníferas.
Función
Os froitos son a forma que teñen as plantas con flores ou anxiospermas de protexer e diseminar as súas sementes. Polo tanto, e a pesar da diversidade da orixe e do aspecto do froito, este cumpre tres funcións vitais para a reprodución da planta:
Conter e protexer a semente.
Atraer ós animais susceptibles de dispersar esas mesmas sementes.
Contribuír á dispersión da semente.
As dúas últimas funcións aquí sinaladas están intimamente ligadas, pois canto máis atractivo resulta o froito, máis probabilidades ten de atraer os animais que os comen e dispersan logo as súas sementes. Isto contribúe á reprodución selectiva daquelas plantas que produzan os mellores froitos e de aí que, polo xeral, os froitos sexan de cores vivas e atractivas, ou teñan aromas atraíntes.
Moitos froitos teñen ademais unha grande importancia económica como fonte de alimentación para o ser humano. Os froitos comestibles para o home son chamados comunmente froitas.
Estrutura: partes do froito
Nun froito carnoso pódense observar as seguintes partes:
O pericarpio, que á súa vez, está subdividido en tres zonas ou capas:
Epicarpo: é a parte máis externa, o que normalmente chamamos pel ou tona, casca ou corteza.
Mesocarpo: parte intermedia, coñecida como pulpa ou carne do froito. Está composta por tecidos que poden ser máis ou menos brandos e conter unha cantidade variable de auga, o que determinará que o froito sexa zumarento en maior ou menor medida. Estes tecidos vexetais son de tipo parenquimático, é dicir, que son de orixe moi primitiva: de feito, son un dos tipos de tecido máis primitivos que se poden atopar en calquera planta.
Endocarpo: capa leñosa que constitúe a pel ou casca que recobre a semente.
Semente, constituída por dúas capas:
Tegumento, que pode ser máis ou menos leñoso.
Améndoa: órgano de reserva de nutrintes para o momento da xerminación da semente.
Formación
O froito fórmase a partir da flor, unha vez polinizada e fecundada. A formación do froito resulta da transformación do pistilo tras a súa fecundación, ou ás veces incluso sen fecundación (nese caso, falamos de partenocarpia). Velaquí unha descrición máis concreta das transformacións sufridas pola flor:
A parede do ovario (a parte do pistilo que contén o óvulo) é a que se transforma na parede do froito, denominada pericarpio, cubrindo a semente.
Finalmente, a epiderme interna formará o endocarpo. Dependendo das transformacións desta parede, obtéñense os diferentes tipos de froitos.
Nalgúns casos, o froito pode ter unha orixe máis complexa, resultando de:
Unha transformación doutras partes da flor, en particular, do receptáculo floral. Nese caso, fálase de falso froito. Os exemplos máis coñecidos de falso froito son a mazá ou o amorodo.
Ou ben da transformación de varias flores dunha inflorescencia. Un exemplo é o caso do froito da moreira, a amora, ou a piña.
Drupa: ameixa, pexego, oliva, cereixa. Estes froitos caracterízanse por ter no centro unha semente de envolta dura (endocarpo lignificado) que dá lugar ó carozo ou carabuña, que son duros.