|
Article on other languages:
|
Escocia (en inglés, Scotland; en gaélico escocés, Alba; en escocés, Scotland) é o máis setentrional dos catro países constituíntes que forman o Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, abranguindo un terzo da súa superficie total; ademais consta de máis de 790 illas. Limita ao norte e oeste co Océano Atlántico; ao leste co Mar do Norte, ao sur con Inglaterra e ao suroeste coa Canle do Norte e o Mar de Irlanda. O territorio escocés abrangue 78.772 km2, e a súa poboación estímase en 5.116.900 habitantes, o que dá unha densidade de poboación de 65 habitantes por km2. Aínda que a capital é Edimburgo, a cidade máis poboada de Escocia é Glasgow, en cuxa área metropolitana vive preto dun 20% do total da poboación escocesa. O Reino de Escocia foi un estado independente ata 1707, data na que se asinou a Acta de Unión con Inglaterra, para crear o Reino Unido da Gran Bretaña. Malia a unificación, Escocia segue tendo un sistema legal distinto do de Gales, Inglaterra e Irlanda do Norte, e é considerada no dereito internacional como unha entidade xurídica distinta. A pervivencia dunhas leis propias, e dun sistema educativo e relixioso de seu contribuíron a manter a cultura escocesa ao longo dos séculos. Desde o século XIX existe un crecente independentismo escocés, representado polo Scottish National Party (SNP, Partido Nacional de Escocia), que avoga pola independencia de Escocia e que obtivo a maioría simple no Parlamento escocés nas eleccións de marzo de 2007. Con todo, Escocia non é un estado soberano, e polo tanto non é considerado como membro independente en organismos como as Nacións Unidas ou a Unión Europea.
Orixe etimolóxicaA Crónica anglosaxona do século X é o documento máis antigo no que aparece o termo Scotland, formado a partires do termo latino Scoti, de orixe dubidosa, empregado como unha referencia aos habitantes de Hibernia (a actual Irlanda). A palabra Scotia, aparecida no latín vulgar, empregouse só para referirse á zona de Escocia na que se falaba gaélico; ademais, este termo alternaba con Albania, procedente do termo gaélico para Escocia, Alba. O emprego do termo Scotland para referirse a todo o territorio escocés só se xeralizou na baixa Idade Media. Nos tempos modernos o termo Scot aplícase a todos os habitantes de Escocia, independentemente da súa orixe étnica, xa que a identidade escocesa é primordialmente cívica e non étnica ou lingüística. O termo scot tamén se emprega para referirse ao escocés, falado nalgunhas zonas dos Lowlands ou Terras Baixas Escocesas. Símbolos nacionais
A bandeira de Escocia, coñecida como Saltire ou "Cruz de San Andrés", data -segundo a lenda- do século IX, polo que, de ser isto certo, sería un dos emblemas nacionais máis antigos aínda en uso.[1][2] Esta cruz tamén entrou a formar parte da bandeira do Reino Unido ou Union Jack en 1606. Hai moitos outros símbolos de Escocia, oficiais ou non, tales como o cardo (a flor nacional), a Declaración de Arbroath, o debuxo do tartán, relacionado cos clans escoceses, ou a bandeira do "León Rampante" que aparece no Estandarte Real de Escocia.[3] O lema nacional é Nemo me impune lacessit, que pode traducirse como Ninguén me ofende impunemente", e que á súa vez vencéllase co cardo. A canción Flower of Scotland é popularmente considerada como himno nacional de Escocia, competindo con Scotland the Brave. A primeira é a que se emprega a maioría de acontecementos políticos e deportivos, por exemplo os encontros da selección de fútbol de Escocia, mentres que a segunda úsase para representar a Escocia nos Xogos da Commonwealth. Dado que non existe un himno oficial, a desputa continúa aberta, especialmente tras a Devolución de poderes de 1998. Existen outras cancións candidatas, como Scots Wha Hae, A Man's A Man for a'That ou, máis recentemente, I'm Gonna Be (500 Miles).[4] A festa nacional de Escocia é o "Día de San Andrés", o 30 de novembro, aínda que a Burns Night ou Noite de Burns, celebrada o 25 de xaneiro en honra ao poeta nacional, Robert Burns, ten un maior seguimento. O "Día do Tartán" é outra celebración de invención recente, e orixinaria do Canadá. En 2007, o Parlamento de Escocia aprobou o decreto oficial polo que o Día de San Andrés pasaba a ser bank holiday ou día de festa oficial.[5] HistoriaEscocia comezou a unión coa Inglaterra no 1603, cando o rei Xaime VI de Escocia converteuse en Xaime I de Inglaterra logo da morte de Isabel I de Inglaterra. Esta unión formalizouse o 1 de maio do 1707 na Lei de Unión. O Parlamento Escocés aboliuse o 26 de marzo dese mesmo ano. A unión fundiu os dous reinos, creando o Reino da Gran Bretaña, cun novo e único Parlamento emprazado en Westminster, Londres, aínda que algúns pormenores das Institucións Escocesas, maioritariamente do sistema legal, ficaron separados. No 1801, Escocia convértese nunha das catro nacións constituíntes do Reino Unido, xunto coa Inglaterra, Irlanda (máis tarde Irlanda do Norte) e Gales. No 1999, o pobo escocés votou para a creación dun novo parlamento, establecido polo goberno do Reino Unido baixo a Lei de Escocia de 1998. Ao novo Parlamento Escocés déronlle poder para gobernar nunhas materias específicas e un pequeno poder sobre os impostos. A extensión territorial de Escocia é a establecida polo Tratado de York no 1237, entre Escocia e Inglaterra, e o Tratado de Perth, no 1266, entre Escocia e Noruega. Aínda que hai algunhas excepcións coma a Illa de Man, que é agora unha depedencia da coroa fóra do Reino Unido, Órcadas e Shetland, que son máis escocesas que norueguesas, e Berwick-upon-Tweed, baixo as leis de Inglaterra pola Lei de Berwick e Gales no 1746. O santo patrón de Escocia é Saint Andrew (Santo André), e celébrase o 30 de novembro. A relixión máis estendida é o cristianismo, a principal denominación é a Igrexa de Escocia (The Kirk), de tipo cristián presbiteriano que é a igrexa nacional desde 1560 cando se produciu a Reforma en Escocia, seguida polo catolicismo, os anglicanos en Escocia están organizados na Igrexa Episcopaliana Escocesa e representan menos do 5% da poboación. E as linguas máis faladas son o inglés e mailo escocés. Política
Dado que Escocia é un dos países constituíntes do Reino Unido, o xefe de estado escocés é o monarca británico, é dicir, a raíña Sabela II do Reino Unido dende a súa coroación en 1952. En Escocia, a raíña utiliza o título de Queen Elizabeth ("Raíña Sabela") en vez do de "Sabela II", dado que nunca houbo unha raíña "Sabela I de Escocia". Constitucionalmente, o Reino Unido é un estado unitario cun Parlamento e un goberno soberáns. Trala devolución de poderes producida en 1997, Escocia goza dun auto-goberno limitado: o Parlamento Británico segue conservando a capacidade de reformar, cambiar, ampliar ou abolir o sistema de goberno escocés a voluntade, polo que pode considerarse que o Parlamento escocés non é realmente soberán.
Vista exterior do novo Parlamento Escocés
O poder executivo do Reino Unido recae no que xurídicamente denomínase Queen-in-Council ("A raíña e os seus conselleiros"), mentres co poder lexislativo obsténtao o Queen-in Parliament ("A raíña e o parlamento"). Na práctica política, o poder executivo obsténtao o Goberno do Reino Unido, co Primeiro Ministro á cabeza, e o lexislativo, o Parlamento do Reino Unido. Baixo o réxime da devolución de poderes, certas áreas do lexislativo e do executivo foron transferidas ao Goberno de Escocia[6][7] e ao Parlamento de Escocia,[8] en Holyrood (Edimburgo). O Parlamento do Reino Unido, pola súa parte, mantén o seu poder sobre os impostos, seguridade social, exército, relacións internacionais, medios de comunicación e outras áreas explícitamente indicadas na Scotland Act de 1998 como "materias reservadas". O Parlamento Escocés ten autoridade lexislativa para todas aquelas áreas relacionadas con Escocia, ata para variar levemente os impostos, aínda que nunca exerceu dito poder. Tamén pode remitir asuntos relacionados coas competencias devoltas ao Parlamento Británico, para ser consideradas no conxunto da lexislación do Reino Unido. En determinados asuntos, a lexislación escocesa optou por solucións distintas ás adoptadas no conxunto do estado: por exemplo, a educación universitaria e os coidados para anciáns son de balde para os escoceses, mentres que no resto de Reino Unido débense pagar unhas taxas polos mesmos servizos. Escocia foi tamén o primeiro país do Reino Unido en prohibir o tabaco en espazos públicos.
Reparto de escanos no Parlamento Escocés despois das derradeiras eleccións de 2007. Lenda: amarelo=SNP; rojo=Laboristas; laranxa=Liberal Demócratas; azul=Conservadores; verde=Partido Verde Escocés; gris=Independentes
O Parlamento Escocés é unicameral, e está composto por 129 membros, 73 dos cales representan a un distrito electoral ou constituency, e son elixidos polo sistema de escrutinio uninominal maioritario, os restantes 56 membros son elixidos en só oito distritos electorais, mediante o sistema de representación proporcional; os cargos electos teñen unha duración de catro anos. Trala elección do Parlamento, este propón a un dos seus membros para ser nomeado Primeiro Ministro de Escocia (First Minister of Scotland ou Prìomh Mhinistear na h-Alba) pola Raíña. O resto dos ministros tamén son propostos polo Parlamento e aprobados pola Raíña, e forman, xunto co Primeiro Ministro, o Goberno de Escocia, é dicir, o poder executivo escocés. Nas eleccións ao Parlamento escocés de 2007, o Partido Nacional Escocés (Scottish National Party ou SNP) obtivo a maioría simple. O líder do partido, Alex Salmond, foi elixido como First Minister dun goberno en minoría o 6 de maio de 2007. Outros partidos con representación na cámara son o Partido Laborista, dirixido por Wendy Alexander; o Partido Conservador Escocés, encabezado por Annabelle Goldie; o Partido Liberal-demócrata de Nicol Stephen e o Partido Verde Escocés, codirixido por Robin Harper. Margo MacDonald é ademais a única independente en obter un asento como membro do Parlamento Escocés. Escocia ten ademais representación na Cámara dos Comúns do Reino Unido, con 59 representantes elixidos en función dos distritos electorais escoceses. A Scotland Office ou "Oficina de Escocia", dirixida polo Secretario de Estado de Escocia, é o departamento do Goberno Británico adicado a tratares os asuntos relacionados con Escocia. Dende xuño de 2007, o cargo de Secretario de Estado para Escocia ocúpao Des Browne. Divisións administrativas
As divisións históricas de Escocia son moi variadas, e inclúen os condados, ducados, burghs (cidades independientes con representación no Parlamento de Escocia) e parroquias. En 1975 púxose en funcionamiento unha división en rexións e distritos que sen embargo foi abolida en 1996. Dende aquela, a efectos administrativos Escocia está dividida en 32 council areas o "concellos",[9] administradas por unha autoridade unitaria responsable de tódolos servizos locais. Os Community councils ("concellos comunitarios"), pola súa parte, son organizacións informais que representan a determinadas subdivisións dentro do concello. Existen outras subdivisións distintas de Escocia para distintos fins. Así, os sistemas de bombeiros e de policía aínda se basean na división en rexións introducida en 1975. Para o sistema sanitario, para os distritos postais así como para outras organizacións gobernamentais e non gobernamentais, mantéñense subdivisións xeográficas diversas de longa tradición. O estatus de "cidade" no Reino Unido vén determinado por unha patente real.[10] Hai seis cidades en Escocia: Aberdeen, Dundee, Edimburgo, Glasgow e, máis recentemente, Inverness e Stirling.[11] DereitoAs leis escocesas baséanse no Dereito romano,[12] combinando elementos tanto do Dereito civil (que pode rastrexarse ata o Corpus Iuris Civilis latino), e do Dereito anglosaxón, coa súa orixe na Idade Media. O tratado de unión con Inglaterra de 1707 garantía a continuidade de dous sistemas legais distintos en Escocia, en Inglaterra e Gales.[13][14] Antes de 1611, existía unha grande diversidade de leis rexionais en Escocia, entre as que destacaba a "Lei Udal", vixente nas Illas Órcadas e nas Illas Shetland, e que se derivaba do antigo sistema legal noruegués. Outros sistemas legais derivábanse, en cambio, das leis celtas ou das leis de Brehon, e permaneceron vixentes ata o século XIX.[15][16] O Dereito escocés ten, por outra banda, unha peculiaridade que o fai único, ao incluír un terceiro veredicto posible ademais de "inocente" ou "culpable": o de "non probado".[17][18] A lei escocesa establece tres tipos de tribunais responsables de administrar xustiza: tribunais civís, criminais e heráldicos. O máximo ámbito de administración de xustiza civil é a Court of Session, aínda que poden realizarse apelacións civís á Cámara dos Lores do Reino Unido. O High Court of Justiciary, pola súa banda, é o máximo tribunal penal. Ambos os dous se atopan situados na Parliament House, antiga localización do Parlamento de Escocia. A principal instancia civil e penal con todo son os sheriff courts: hai 49 sheriff courts activos en Escocia.[19] Os Tribunais de Distrito foron creados en 1975 para ofensas menores. Para rematar, o Court of the Lord Lyon regula o dereito heráldico. Xeografía e historia natural
Escocia ocupa aproximadamente o terzo superior da illa de Gran Bretaña, ao noroeste do continente europeo. En total, o seu territorio abrangue 78.772 km².[20] A única fronteira de Escocia en terra firme é a que a une polo sur con Inglaterra, e que mide ao redor de 96 km, entre o río Tweed na costa este e o fiordo de Solway na oeste. O Océano Atlántico rodea o norte e oeste de Escocia, mentres que ao leste atópase o Mar do Norte. Irlanda atópase a só 30 km dende a península de Kintyre, mentres que Noruega queda a 400 km ao nordés, as Illas Feroe a 310 km e Islandia a 798 km ao noroeste. O centro xeográfico de Escocia, tradicionalmente, sitúase a poucos quilómetros de Newtonmore, en Badenoch, ao norte das zonas máis poboadas, aínda que existen diversas opinións respecto diso, dependendo do modo empregado para as medicións, ou de se se toman en consideración ou non as illas escocesas. A extensión territorial actual de Escocia é moi semellante á establecida no Tratado de York de 1237 entre Inglaterra e Escocia [21] e no Tratado de Perth de 1266 entre Escocia e Noruega.[22] Existen algunhas excepcións: a Illa de Man, que antes era territorio escocés, é agora unha Dependencia da Coroa británica; as Illas Órcadas e Shetland foron adquiridas a Noruega no século XV;[23] mentres que Rockall, un pequeno illote rochoso no Atlántico, foi anexionado ao Reino Unido primeiro e a Escocia despois polo Acta da Illa de Rockall de 1972.[24][25] Con todo, a legalidade desta anexión foi posta en cuestión por Irlanda, Dinamarca e Islandia, e probablemente non ten efectos no dereito internacional.[26][27][28] Xeoloxía e xeomorfoloxíaTodo o territorio escocés estaba cuberto polo xeo durante as glaciacións do Pleistoceno, o que ten importantes consecuencias na súa paisaxe. Dende o punto de vista xeolóxico, Escocia está subdividida en tres zonas: as Highlands e as illas sitúanse ao noroeste da Falla das Highlands, que vai desde a Illa de Arran ata Stonehaven. Esta parte de Escocia está composta fundamentalmente de rochas antigas procedentes dos períodos Cámbrico e Precámbrico, que foron elevadas durante a posterior Oroxenia caledonia. Esta base rochosa está entrecruzada por múltiples intrusións ígneas de épocas máis recentes, cuxos vestixios formaron macizos montañosos como os Cairngorms ou os Cuillins, en Skye. Unha excepción significativa ao anterior constitúena os estratos de areísca coñecidos como Old Red Sandstone, nos que se atoparon fósiles, sobre todo ao redor do fiordo de Moray. As Highlands ou Terras Altas son xeralmente montañosas e están divididas polo Great Glen ou "Gran Val". As maiores elevacións das Illas Británicas atópanse aquí, incluído o Ben Nevis, o pico máis alto, cunha altitude de 1.344 metros. Escocia consta de máis de 790 illas, divididas en catro grupos principais: Shetland, Órcadas, e Hébridas, as cales á súa vez dividir en Hébridas Interiores e Hébridas Exteriores. Ademais, nesta zona atópanse numerosas fontes de auga doce, incluíndo o Lago Ness ou o Lago Lomond. Algunhas partes da costa consisten en machair, un tipo de terreo consistente en dunas cubertas de pasto.
Vista panorámica na Illa de Skye.
O terreo coñecido como Central Lowlands ou tamén Central Belt é unha foxa tectónica composta fundamentalmente por formacións do Paleozoico. Algúns dos estratos sedimentarios desta zona resultaron de gran importancia económica, xa que neles atópanse o carbón e o ferro nos que se baseou a Revolución Industrial escocesa. Esta área experimentou unha intensa actividade volcánica, como demostra Arthur's Seat, unha cima preto da cidade de Edimburgo que é o resto dun cono volcánico máis elevado que estivo activo durante o período Carbonífero fai uns 300 millóns de anos. Coñecida tamén como Midland Valley, esta área é relativamente chaira, aínda que existen abondosos outeiros como Ochil Hills ou Campsie Fells. As chairas meridionais ou Lowlands están compostas por unha serie de outeiros duns 200 km de lonxitude, alternados con anchos vales. Atópanse ao sur dunha segunda falla que vai dende Stranraer ata Dunbar. Esta zona está composta fundamentalmente por depósitos do silúrico, fai 400 ou 500 millóns de anos.[29][30][31] As fallas, vales ou glens que cruzan Escocia de leste a oeste albergan frecuentemente lagos ou lochs, tales como o Lago Ness, que se atopa no Gran Glen, ou o Loch Lomond (o maior lago de auga doce do Reino Unido), na Falla das Highlands. Ademais, Escocia tamén está cruzada por ríos que flúen cara ao Océano Atlántico ou cara ao Mar do Norte, e que a miúdo dan lugar a fiordos na súa desembocadura, tales como o fiordo de Clyde, o fiordo de Forth ou o fiordo de Tay. Os ríos máis longos de Escocia son o río Tay (193 km), o Spey (172 km), o Clyde (171 km) e o Tweed (156 km). Referencias
|
This article is from Wikipedia. All text is available under the terms of the GNU Free Documentation License.