Cromatografía

Article on other languages:

Cromatografía (do grego χρώμα: cor e γραφειν: escribir) e o termo colectivo pra unha familia de técnicas de laboratorio pra separación de mostras. Implican o paso dunha mestura disolta nunha "fase móbil" a través dunha "fase estacionaria", que separa o analito a medir doutras moléculas na mestura, permitindo o seu aillamento.

A cromatografía pode ser preparativa ou analítica. A cromatografía preparativa busca separar os compoñentes dunha mestura pra un uso posterior (é un xeito de purificación). A cromatografía analítica normalmente opera con cantidades pequenas de material e busca medir as proporcións relativas de analitos nunha mestura. Ámbalas dúas non son excluintes.

Índice

Explicación

Unha analoxía de utilidade é supoñer unha mestura de abellas e nespras pasando sobre unha campa de flores. As abellas será máis atraídas polas flores que as nespras, e así sepáranse delas. Si alguén observa nun punto máis alá da campa, as abellas pasan en primeiro lugar, seguidas das abellas. Nesta analoxía, as abellas e as nespras representan os analitos que serán separados, as flores representan a fase estacionaria, e a fase móbil é o ar. A chave da separación é a diferencia de afinidades entre o analito, a fase estacionaria e a fase móbil. O observador pode representar o detector utilizado en algunhas variantes de cromatografía analítica. O punto chave é que o detector non necesita ser capaz de discrimiar entre analitos, xa que lle chegan separados.

Historia

Foi o botánico ruso Mikhail Semyonovich Tsvet o que inventou a primeira técnica de cromatografía en 1900 durante as súas investigacións da clorofila. Utilizou unha columna de adsorción líquida que contiña carbonato cálcico pra separar pigmentos de plantas. O método describiuno o 30 de decembro de 1901 no 11º Congreso de Naturalistas e Doutores (XI съезд естествоиспытателей и врачей) en San Petesburgo. A primeira descrición foi en 1903, en Procedementos da Sociedade Varsova de Naturalistas, sección de bioloxía. Empregou por vez primeira o termo cromatografía impreso en 1906 nos seus dous artigos sobre a clorofila na revista xermana de botánica Berichte der Deutschen Botanischen Gesellschaft. En 1907 fixo unha demostración do seu cromatógrafo para a Sociedade Botánica Xermana. Como curiosidade, o apelido de Mikhail "Цвет" significa "cor" en ruso, así que cabe a posibilidade que a denominación do proceso cromatográfico (que significa literalmente "escribir cores") fora unha forma de asegurarse de que él, un obreiro da rusia zarista, fose inmortalizado.

En 1952 Archer John Porter Martin e Richard Laurence Millington Synge foron galardonados co Premio Nobel de Química pola súa invención da cromatografía de separación [1]. Dende entón, a tecnoloxía avanzou rapidamente. Os investigadores acharon que os principios da cromatografía de Tsvet podían ser aplicados de moitas formas diferentes, poñendo a punto as diferentes variedades de cromatografía que se describen a continuación. Simultaneamente continúase mellorando o rendemento da cromatografía continuamente, permitindo a separación de moléculas cada vez máis semellantes.

Termos en cromatografía

  • O analito é a sustancia que se vai separar durante a cromatografía.
  • A cromatografía analítica utilízase para determinar a existencia e posiblemente a concentración do(s) analito(s) na mostra.
  • A fase ligada e unha fase estacionaria que se une covalentemente ás partículas de soporte na cara interna da columna.
  • O cromatograma é a representación visual da cromatografía. No caso de separacións óptimas, aparecen diferentes picos ou patróns no cromatograma correspondentes a diferentes compoñentes na mestura separada.
Cromatograma con picos sen resolverCromatograma con dous picos resoltos
No eixo x amósase o tempo de retención e no eixo y un sinal (obtido por exemplo por espectroscopía UV, espectroscopía de masas ou outro tipo de detectores) correspondentes á resposta creada polo analito que sae do sistema. No caso dun sistema óptimo o sinal é proporcional á concentración do analíto separado.
  • O cromatógrafo é o equipo que permite a separación sofisticada, como pode ser un cromatógrafo de gases ou un cromatógrafo de líquidos.
  • Cromatografía é o método físico de separación no que os compoñentes a ser separados son distribuidos entre dúas fases, unha delas é estacionaria e a outra (fáse móbil) desprázase nunha dirección determinada.
  • O efluente é a fase móbil que sae da columna.
  • A fase estacionaria é unha fase inmóbil que está fixada en partículas de soporte ou na cara interna da columna.
  • A fase móbil é a fase que se move nunha dirección definida. Pode ser un líquido (LC e CEC), un gas (GC) ou un fluido supercrítico (SFC).
  • A cromatografía de preparación emprégase pra purificar de xeito non destructivo cantidades suficientes pra un uso posterior, máis alá da análise.
  • O tempo de retención é o tempo característico que lle leva a un analito en particular pasar a través de todo o sistema, desde a inxección na columna ata o detector, baixo as condicións preestablecidas.
  • A mostra é o material analizado na cromatografía. Pode consistir en un compoñente simple ou unha mestura de compoñentes. Cando a mostra se trata durante a análise, a fase ou fases que conteñen o analito de interese son chamadas mostras, mentras que calquer outra cousa separada durante a análise son lixo.
  • O soluto son os compoñentes de mostra na cromatografía de separación.
  • O solvente é calquer sustancia capaz de solubilizar outras sustancias, e concretamente a fase móbil líquida na LC.
  • A fase estacionaria é a sustancia que se fixa para o procedemento cromatográfico. Un exemplo sería a capa de sílice na cromatografía en capa fina.

Teoría da cromatografía

Esquema dun cromatógrafo. A mestura insértase nas condicións axeitadas, e o cromatógrafo faina pasar a través da columna. Nela os compoñentes desprázanse a diferente velocidade segundo a afinidade. Na saída da columna disponse un detector que pode ser dende o ollo humano ata un espectrómetro de masas, e opcionalmente trázase o cromatograma. Tamén se pode realizar un paso final de separación, ou ben tirar os analitos ó lixo.

A cromatografía é un método de separar mesturas e identificar os seus compoñentes, e dicir, é un método de separación que aproveita a diferencia de reparto de analitos entre a fase móbil e a fase estacionaria pra separar compoñentes na mostra. Os compostos dunha mestura poden interactuar coa fase estacionaria segundo a súa carga eléctrica (interaccións ión-ión, interaccións ión-dipolo), por forzas de van der Waals, pola solubilidade relativa ou adsorción (interaccións hidrofóbicas, afinidade específica). Hai dúas teorías de cromatografía, a dos platos e a da tasa.

Retención

A retención é a medida da velocidade coa que a sustancia se move no sistema cromatográfico. En sistemas de desenvolvemento contínuo, como HPLC ou GC, onde os compoñentes son eluídos co eluínte, a retención mídese normalmente como tempo de retención Rt ou tR, o tempo entre a inxección e a detección. En sistemas de desenvolvemento interrompido como a TLC á retención mídese como factor de retención Rf, a distancia de carreira do composto dividido pola distancia de carreira do fronte do eluinte:

R_f = \frac{distancia\ percorrida\ polo\ composto} {distancia\ percorrida\ polo\ solvente}

A retención dun compoñente a miúdo difire considerablemente entre experimentos, debido a variacións no eluinte, na fase estacionaria, temperatura, matriz da mostra e no axustes. Así vólvese importante comparar a retención do compoñente testeado coa retención de varios compoñentes estándar baixo condicións absolutamente idénticas.

Durante o proceso cromatográfico o analito experimenta un expandemento como resultado da difusión. Dous analitos con tempos de retención diferentes pero con unha expansión importante non resolven ben, polo que calquer sistema cromatográfico precisa minimizar o efecto. Esto consíguese seleccionando fases móbiles e estacionarias apropiadas, axustando a velocidade do eluinte, a distancia percorrida e a temperatura. A Ecuación de van Deemter precisa unha velocidade de elución tendo en conta diversas variables.

Teoría de platos

A teoría de platos da cromatografía desenroláronna Archer John Porter Martin e Richard Laurence Millington Synge. A teoría de platos describe o sistema cromatográfico, coa fase estacionaria e móbil en equilibrio. O coeficiente K básease neste equilibrio, e defínese pola seguinte ecuación:

K = \frac{Concentracion\ de\ soluto\ na\ fase\ estacionaria} {Concentracion\ de\ soluto\ na\ fase\ mobil}

Suponse que K é independente da concentración, e pode variar se cambian as condicións experimentáis, por exemplo si aumenta ou diminúe a temperatura. Cando K aumenta, ó soluto lévalle máis tempo separarse.

Pra unha columna de lonxitude e fluxo fixo, o tempo de retención (tR) e o volume de retención (Vr) poden medirse e utilizarse pra calcular K.

Técnicas cromatográficas segundo a fase

Cromatografía en columna

Artigo principal: Cromatografía en columna.
Imaxe:Columnchromatography.gif
Diagrama de cromatografía en columna estándar, e columna en flash

A cromatografía en columna é unha técnica de separación na que a fase estacionaria está dentro dun tubo. As partículas da fase sólida estacionaria ou o soporte emchoupado en líquido estacionario poden ocupar todo o espazo dentro do tubo (columna empaquetada) ou estar concentradas ó longo da cara interna do tubo, deixando un camiño libre na parte media (columna de tubo aberto). Hai que calcular as diferencias nas tasas de movemento a través do medio pra diferentes tempos de retención da mostra.[2]

En 1978, W. C. Still presentou unha versión modificada da columna cromatográfica chamada cromatografía en columna flash (flash).[3] A técnica é moi similar á cromatografía en columna tradicional, excepto que pra que o solvente se mova pola columna aplícase presión positiva. Esto permite que as separacións se leven a cabo en menos de 20 minutos, e a separación sexa máis precisa que co método estándar. Os sistemas de cromatografía flash modernos véndense como cartuchos plásticos pre-empaquetados, e o solvente bombéase a través do cartucho. Estes sistemas poden acoplarse con detectores e colectores de fraccións automatizados. A aplicación de presións en gradentes dan separacións máis rápidas e menor gasto de solventes.

Na adsorción en matriz expandida utilízase unha matriz viscosa no canto da fase sólida das matrices empaquetadas. Así evítanse os pasos de clarificación inicial como centrifugados e filtrados, especialmente axeitado pra caldos de cultivo ou xeles de células.

Cromatografía planar

Cromatografía en capa fina utilizada pra separar compoñentes da clorofila

A cromatografía planar é unha técnica de separación na que a fase estacionara aparece como un plano. O plano pode ser un papel, funcionando por sí mesmo ou enchoupado nalgunha sustancia que funcione como matriz (cromatografía en papel) ou unha capa de partículas sólidas repartidas nun suporte como podería ser unha placa de cristal (cromatografía en capa fina).

Cromatografía en papel

Artigo principal: Cromatografía en papel.

A cromatografía en papel é unha técnica na que se deposita un pequeno punto de solución de mostra nunha tira de papel cromatográfico. O papel ponse nunha xerra que contén unha capa de solvente no fondo, e sélase. Conforme o solvente sube polo papel, chega á mostra estudiada, que comeza a viaxar ó largo do papel co solvente. Os diferentes compostos químicos da mostra desprázanse diferentes distancias segundo a súa interacción co papel. Así pode calcularse un valor pra Rf, e pode compararse con compoñentes estándar na identificación dun compoñente descoñecido.

Cromatografía en capa fina

Artigo principal: Cromatografía en capa fina.

A cromatografía en capa fina (TLC) é unha técnica moi extendida nos laboratorios, similar á cromatografía en papel. No canto de empregar unha fase estacionaria de papel, emprégase unha fase estacionaria dunha capa fina de adsorbente como xel de sílice, alúmina ou celulosa dispostas sobre un plano de sustrato inerte. Comparada co papel ten a ventaxa de carreiras máis rápidas, mellores separacións e posibilidade de elixir varios adsorbentes. Os distintos compostos químicos da mestura viaxan máis ou menos distancia segundo a forza coa que interactúen co adsorbente. Así permítese o cálculo do valor de Rf que pode compararse con compoñentes estándar pra axudar na identificación de sustancias descoñecidas.

Técnicas segundo o estado da fase móbil

Cromatografía de gases

Artigo principal: Cromatografía de gases.

A cromatografía de gases (GC), tamén chamada cromatografía líquido-gasosa (GLC) é unha técnica de separación na que a fase móbil é un gas. A cromatografía de gas sempre se realiza nunha columna, que normalmente é "empaquetada" ou "capilar".

A cromatografía de gases baséase no equilibrio de partición dun analito entre a fase sólida estacionaria (a miúdo un líquido de tipo silicona) e un móbil gasoso (aínda máis comunmente Helio). A fase estacionaria adhérese ó interior dun tubo de cristal moi fino (unha columna capilar) ou nunha matriz maior dentro dun tubo metálico (unha columna empaquetada). Aplícase con frecuencia en química analítica, xa que as altas temperaturas que se utilizan na GC fanna inutilizable pra proteínas e biopolímeros de alto peso molecular (desnaturalizaríanse co calor) a técnica axústase mellor ó uso con nos campos dos petroquímicos, monitorización ambiental e industria química. Tamén se utiliza en investigación química.

Cromatografía líquida

A cromatografía líquida (LC) é unha técnica de separación na que a fase móbil é líquida. A cromatografía líquida pode levarse a cabo tanto en columna como en plano. A cromatografía líquida actual que utiliza partículas moi pequenas empaquetadas e presións relativamente altas chámase cromatografía líquida de alto rendemento HPLC.

Nas técnicas de HPLC, a mostra fórzase a pasar a través dunha columna que leva empaquetadas partículas esféricas ou irregulares, ou un bloque poroso, acompañada pola fase móbil líquida a alta presión. O HPLC divídese historicamente en dúas clases basándose na polaridade da fase móbil e da fase estacionaria. Cando a fase estacionaria é máis polar que a fase móbil (p. ex. tolueno como fáse móbil e octadecilsilano como fase estacionaria) chámase cromatografía en fase líquida reversa (RPLC). A fase normal ten menos aplicación, e a RPLC aplícase en moitos máis campos.

As técnicas específicas que se aplican co estes métodos xeráis lístanse máis adiante. Estas técnicas poden considerarse como cromatografía líquida rápida pra proteínas si non se utiliza presión pra forzar a fase móbil a través da fase estacionaria.

Cromatografía de fluído supercrítico

A cromatografía de fluído supercrítico é unha técnica de separación na que a fase móbil é un fluído que está sobre, e relativamente preto, do seu punto crítico de presión e temperatura.

Técnicas segundo o mecanismo de separación

Cromatografía de intercambio iónico

A cromatografía de intercambio iónico utiliza os mecanismos de cambio iónico pra separa os analitos. Normalmente faise en columnas, pero tamén pode facerse en modo plano. A cromatografía de intercambio iónico utiliza unha fase estacionaria cargada pra separar compoñentes cargados, como aminoácidos, péptidos e proteínas. Nos métodos estándar a fase estacionaria é unha resina de intercambio iónico, que leva un grupo funcional que interacciona cos grupos de carga oposta dos compoñentes que serán retidos. A cromatografía de intercambio iónico utilízase amplamente na purificación de proteínas utilizando FPLC.

Cromatografía de exclusión por tamaño

A cromatografía de exclusión por tamaños (SEC) tamén coñecida como cromatografía en xel permeable ou cromatografía de filtrado en xel, separa partículas segundo o seu tamaño. As moléculas máis pequenas entran no medio poroso e tardan máis tempo en sair da columna, mentras que las partículas maiores saen antes. Normalmente é unha cromatografía de baixa resolución, e resérvase pra os pasos fináis dunha purificación. Tamén é útil para determinar a estrutura terciaria e a estrutura cuaternaria de proteínas purificadas, especialmente porque se pode levar a cabo en condicións axeitadas de disolución.

Cromatografía de afinidade

Artigo principal: Cromatografía de afinidade.

A cromatografía de afinidade baséase en interaccións non covalentes selectivas entre un analito e moléculas específicas. É moi específica, pero non moi robusta. Emprégase a miúdo en bioquímica na purificación de proteínas asociadas a marcadores. Estas proteínas van marcadas con compostos como etiquetas his, biotina ou antíxenos, que se enlazan á fase estacionaria de forma específica. Despóis da purificación, algunhas destas marcas quítansen, e obtense a proteína purificada.

Técnicas especiais

Cromatografía en fase reversa

Artigo principal: Cromatografía en fase reversa.

A cromatografía en fase reversa é un procedemento de elución empregado en cromatografía líquida na que a fase móbil é máis polar que a fase estacionaria.

Cromatografía bidimensional

Co emprego de criterios físico-químicos adicionáis pra separación da mestura de analitos (a mostra), auméntase a resolución e calidade da separación cromatográfica. Obtéñense entón altas especificidades na técnica de separación cromatográfica, permitindo a separación e análise de compostos indistiguibles na cromatografía unidimensional.

Na cromatografía de gases obtense a separación bidimensional acoplando unha segunda columna máis curta que a principal. O acomplamente pode realizarse con técnicas diferentes, por exemplo un choque de frío nos eluintes segundo van saíndo da columna principal en intervalos fixos, e despois volvéndoos a quentar segundo se van inxectando na segunda columna. O tempo de viaxe pola segunda columna ten que ser menor que o tempo que tardará a seguinte mostra en reinxectarse pra evitar a combinación de compoñentes e explotar a capacidade de separación.

Adicionalmente pode aplicarse un espectrómetro de masas de Tempo de Vo (TOF-MS) como segunda dimensión dunha cromatografía de gas bidimensional. Os TOF-MS utilizados en cromatografía de gases poden ser curtos, xa que so hai que diferenciar nun pequeno rango de moléculas. Nesta técnica utilízase unha columna pra separar analitos, seguida por detección en TOF-MS. Así poden separarse moitos máis analitos nunha soa carreira.

Cromatografía de pirólisis de gases

Os compoñentes descompóñense mediante calor en compoñentes máis básicos antes de ser inxectados no sistema cromatográfico.

Cromatografía líquida rápida pra proteínas

A cromatografía líquida rápida pra proteínas (FPLC) son unha serie de técnicas utilizadas na purificación de proteínas. Moitas destas técnicas son idénticas ás empregadas na cromatografía líquida de alto rendemento.

Cromatografía a contracorrente

Artigo principal: Cromatografía a contracorrente.

A cromatografía a contracorrente (CCC) é un tipo de cromatografía líquido-líquido, onde tanto a fase estacionaria como a fase móbil son líquidas. Implica unha mestura de líquidos, permitindo que se dispoñan en capas e despois separando estas capas.

This article is from Wikipedia. All text is available under the terms of the GNU Free Documentation License.